31 ene 2011

Hai dúas formas de medrar

Si: medrar normal, e medrar atravesado. Deixo aquí un manual para que mires cal é o teu caso.

Medraches ben, ou normal, cando:
Ninguén tira por ti para levantarte cada mañá, senón que eres ti a que ten que botarlle un par para pasar o frío de quitar a manta, buscar as zapatillas e ir ao baño...
...ir ao baño sen présa, porque xa tiveches que ir ás 4 e pico da mañá. A idade non perdoa.
O primeiro que fas é poñer a cafetera porque agora xa só desaiunas colacao as fins de semana.
Utilizas a frase "necesito un café para ser persoa".
Cando en vez de poñer a tele e apampar para Mofli, pos a radio... e falas con ela.
Cando en lugar de estar desexando que a túa nai se vaia da casa para roubarlle as pinturitas, estás desexando chegar ti á casa para quitar todo o que levas na cara...
... e quitas todo o que levas na cara cunha toallita moi parecida ás que usabas antes para o cu, pero para a cara.
Cando empeza a chover e te sorprendes pensando "E eu coa roupa tendida!".
Cando a comida verde empeza a gustarche, e pensar en mollar o dedo no azucareiro para chupalo vinte veces seguidas agora dáche denteira.
Cando tes que comprarte Tampax en lugar de que che compren Dodotis.
Cando choras menos e por cousas (máis?) importantes.
Cando a pelu é algo para o que aforras e non algo que che parece un coñazo (por moito que te suban nunha silla altísima e che poñan xoguetes diante).
Cando o feito de que outra persoa te lave o pelo non é unha tortura china senón algo que da moitíiiiiisimo gustito (e que en lugar de 3 veces á semana, pasa 3 veces cada 20 anos).


Medraches atravesado cando:
Non ves os dibujos na tele.
Non che gusta subir nos columpios porque manchas os zapatos, a roupa ou (e isto é peor) che dá vergoña.
Non te sentas nunca no chan.
Non compras zapatillas de animais porque "non valen para baixar a basura" (quen dixo eso?)
Non tes dúas tabletas de Lindt ou Nestlé preparadas para o ataque "porque o chocolate estriñe/engorda/ten moito azúcar y me sube la glucosa".
Cando pensas que os debuxos son algo secundario nos bos libros.
Todo o que fas o fas por interés. Non fas nada só porque si.

Xa completarei esta lista cando acabe de medrar e empece a encoller, de momento non teño máis datos e teño moita fame. Hoxe: sopa de letras (*).

2 comentarios:

Anónimo dijo...

penso q sou un pouco atravesado...

Blanca D. Reimunde dijo...

Lástima, pero aínda estás a tempo de cambiar :P