22 dic 2012

O Galo Curioso


De pequena escribín un conto para un concurso sobre un galo que vivía comodamente nun galiñeiro, ata que un día se asomaba pola ventá da casa duns granxeiros para ver que había dentro. Pillábano in fraganti e acababa feito caldo. O xurado daquel concurso deume o primeiro premio.
Hai anos que me acordo moito do meu desventurado protagonista. Sempre que vexo como alguén que mete o fuciño onde ninguén lle mandou sae escaldado...

10 nov 2012

Novembro

Un mes que chega para dicirnos a todos que rematou o bo. Que pouco me gusta... é un mes no que se fai difícil ata mirar pola ventá, e mira que eu son desas que se apalancan mirando á ría, capaz de non mover o cú do sillón ata que se me olvida o sentido da vida. A noite no día, o mar de plomo, o vento que trae frío, a luz do sol con coitelos deses que te alcanzan de esgueira. A xente di que é un mes normal como outro calquera e que os tolos somos todos os que nos deixamos entristecer polo simple feito de que o tempo pasa... Mentira. Novembro é como un cemiterio o día de todos os santos: cheo de flores, cores, cheo de vida... morta. Novembro é o mes que mata o verán de verdade. 
E o frío... 
Non me gusta nadiña.
Pero ata as peores cousas teñen o seu lado positivo, e novembro tamén: achega máis decembro. Que bonito é sempre, que bonito vai ser este ano. Porque está Eva. E estou segura: ela saberá facer que decembro volva chamarse Nadal.
Que ben se está neste blog! amareliño, acolledor... como agosto...
Prometo escribir máis a partir de agora.

12 ago 2012

Vilamorcego

Tamén ten tela que a primeira entrada que escribo en meses teña que ser esta... vou comezar explicándome: os morcegos tomaron a Casa de Colorines. Para ser exactos, tomaron o falso teito. Xa o tomaran o ano pasado, pero este ano é diferente.
Despois de varias sesións non-stop de DJ Ultrasonido a tope de volumen, botes de repelente, pelotiñas e pelotiñas de naftalina e espuma en todos os buratos que usan para entrar no falso teito, continúan alí como campións, correteando e chiando, alimentando aos seus churumbeliños como eu alimento á miña, contra vento e marea.
Este ano é diferente porque despois de superar todos os obstáculos que lles puxemos os humanos cunha estoicidade envidiable, merecen vivir alí tanto ou máis que calquera outra criatura (incluídos nós). É máis, merecen que a Casa de Colorines sexa rebautizada cun novo nome á altura das circunstancias. Ata novo aviso... benvidos a Vilamorcego.

2 mar 2012

Volvín

E volvo con 10 kilos máis, nunha cidade non nova, pero casi, tamén casi-casada, no paro, con dor de esternón e de esqueleto en xeral, abstemia... volvo, en definitiva e como dirían algúns, "un pouco embarazada".
Confeso que nestes últimos meses fun infiel á miña Casa de Colorines dixital noutro blog, un de cor rosáceo onde conto as miñas alegrías de premamá, pero a Casa de Colorines é a miña casa... tanto a dixital como a física, que por certo, será tamén a primeira Casa onde viva a miña nena as súas primeiras semaniñas de vida. 
Así que... despois de moitos meses de silencio, a Casa de Colorines volve ter quen a habite. Temos unhas semanas para redecorala, reaxeitala, revivila por dentro e por fóra cunha nova etapa que marcará, como din os pouco orixinais, o comezo da mellor etapa das nosas vidas. 
Con este post, doume a re-benvida a min mesma á miña propia casa. A casa con mellores vistas do mundo enteiro.