2 jul 2009

"O galego, o médico e o paciente", de Sandra Faginas

Un artigo de opinión de unha ex profesora: Sandra Faginas, na Voz de Galicia de hoxe, 2 de xullo... :)

Avoltas co exame de galego nas oposicións do Sergas, un futurible médico apuntaba que se botaba de menos que o exame fose algo máis práctico e atendese ao que «realmente se escoita nas consultas nas que -especificaba- a xente di cousas moi raras e chámalle a case todo o que non é». Esas rarezas abranguen multiplicidade de disparates, de traducións imposibles e de bilingüismos nada harmónicos, pero sobre todo de incapacidade dos mesmos por adaptarse á situación lingüística. Porque hai que engadir á ignorancia habitual de quen non manexan os termos médicos (entre os que abundan os plis-plas [bypass], escais [escáneres], hematrocristos [hematócritos], etcétera) un bo feixe de situacións surrealistas na particular relación galego, médico, paciente. Como esa que me contaba unha amiga enfermeira que presenciou dun doutor que, a piques de rebentarlle a gorxa, ía subindo o ton de voz a medida que o vello enfermo non lle entendía o seu interese en forma de «¿Vostede con quen viño?, ¿Vostede con quen viño?», ao que o señoriño contestaba indignado: «Viño non, viño non tomo, viño non tomo, que é malo para o fígado». «¡Que con quen viño!», insistía irritado o médico ata que a enfermeira interveu: «Dígalle ao doutor con que veu», «Si, claro, coa miña filla que está fóra».

Desas hai a esgalla, como aqueloutro doutor leonés que sufría, en urxencias, ante as explicacións dunha nai que lle ía relatando con detalle que o seu neno levaba toda a noite «moi roncha, moi roncha» e só quería «colo, colo e colo». «Dígame, señora, ¿por dónde dice que le ha visto usted las ronchas al niño?». Logo está ese bo colectivo de médicos enrollaos que nun grande esforzo por usar o galego pensan que cun só termo no idioma propio [por moi escura que sexa a expresión] o paciente galegofalante comprenderá a mensaxe e quedará satisfeito do bo trato: «Hola, soy el doctor fulanito y voy a explorarle, por favor, desabróchese la camisa [coloca o fonendo no peito], cuando yo le diga, por favor, alente fuerte, alente fuerte». Nada disto é alleo aos hospitais galegos, nos que se contan por miles os casos dignos de libro e onde día a día se amplía o anecdotario, en especial nas consultas de xinecoloxía, nas que aos eufemismos habituais súmase o eufemístico uso do galego. «Dígame, por favor, ¿dónde dice que tiene picor?», e a señora, cunha infeliz metáfora, respondeulle sumisa: «No pracer do meu marido». Un clásico.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Acabo de ler o teu artículo, e parabéns.

Eu traballo en educación, e so de pensar que un andaluz poida dar clases nunha vila de Ourense e que lle diga aos alumnos:
"ozú mi arma, pero que me eztáz cortando de las vacas"?

Acabaremos sen o noso signo de identidade, pero como dicía alguén, que nestes intres non me acordo:
"Aos Galegos pásanos como a Jackson, queremos renegar da nosa orixe"

Blanca D. Reimunde dijo...

Bueeeno, non sei si a comparación é moi afortunada, pero vamos, que o artículo sí, está chulo. Como todos os de Sandra Faginas :)

Bicos

Blanca D. Reimunde dijo...

Creo que eu debía estar nas berzas cando lin esto e o respondín. A que andaluz se lle ocurriría andar dicindo Ozú mi arma en clase? E ainda así... non sería evidente para os alumnos que esa expresión non é galega? é máis, non sería incluso enriquecedor escoitar outras cousas?
Joder de dios coa seña de identidade. Parecemos todos burros. Que veña peña de fóra aquí falar con acentos diferentes fainos perder o signo de identidade? os collóns. A min o que me fai perder o signo de identidade é q mo metan polos ollos.
E Jackson non renegou da súa orixe, simplemente se tiñeu de blanco porque lle petou. Como eu me vou teñir mañá de castaño oscuro sendo castaña clara, e me vou depilar con láser en canto aforre. Xa ves ti o que renego eu das orixes.
Anda q... en qué estaría pensando eu??????